Contar é o resultado da creación dun repositorio online no que canalizar diferentes contidos culturais. Este espazo virtual alberga diversidade de materiais que beben da tradición oral, da contorna rural e que constitúen unha parte innegable do noso patrimonio inmaterial.
O proxecto nace co obxectivo de reunir diferentes materiais de interese cultural nunha plataforma aberta e accesible. Deste xeito, –poñendo a disposición diversidade de recursos de diferente formato–, Contar pretende sumar un valor engadido ás novas creacións que poidan xurdir de escoitar o que outras xeracións teñen para contar; dando lugar á transformación cultural e artística que as diferentes recollidas dispostas poidan modelar no panorama actual.
Trátase, sen lugar a dúbida, dunha proposta interxeracional na que prima a comunicación bidireccional e que resulta nun espazo de contribución comunitaria; tanto para engadir novos contidos como para mellorar os xa existentes.
Con todo, a plataforma pretende ser un espazo plural, fornecida por diversas canles de información e co obxectivo de contribuír ao coñecemento e a realidade de diferentes territorios.