Ritos
Galicia
Texto

A danza do abellón

Zoando coma un abellón o pobo despídese do seu defunto.

A danza do abellón consiste nun antigo rito funerario que toma o seu nome da carga simbólica vencellada a este insecto e que salienta a importancia do seu zoar. Esta manifestación artística e cultural representa o simbolismo da abella como portadora da supervivencia da alma despois da morte. Pois, a crenza popular ditamina que imitando o zunido destes insectos se axudaba e se facilitaba a liberación da alma da persoa defunta.

A representación desta danza, que ten lugar no contexto dun velorio, consiste na congregación dos asistentes ao redor do corpo do defunto; conformando unha roda sobre a que xirar e collidas das mans, todas as persoas alí reunidas reproducían o particular son do abellón. Esta cerimonia debía suceder en perfecto silencio e harmonía, posto que o contrario significaba augurio de morte e quen interrompera a danza –do xeito que fose– sería, entre as presentes, a primeira persoa en morrer.

Este rito foi documentado por primeira vez no ano 1894 por Alfredo Brañas, quen tras participar el mesmo nun abellón en Vilanova de Arousa recolleu nun poema de nome homónimo as características desta práctica.

Contidos relacionados
Non se atoparon resultados.